Sanxenxo propón incluír no proxecto 'red.es' o cálculo de persoas móbiles en puntos de especial afluencia
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo levou a un dos últimos encontros de traballo do programa nacional red.es a proposta de incluír o cálculo de persoas por dispositivos móbiles en puntos de especial afluencia de xente.
Segundo o Concello, trátase dunha medida que agora cobra especial relevancia pola actual alerta sanitaria, polo que buscan poder analizar datos estatísticos e calcular a afluencia de persoas a determinados eventos que se poidan realizar no municipio.
"Permitirá obter informes configurables sobre históricos de afluencias e ocupación con capacidade de filtro por rango de datas, datos acumulados ou comparativos mediante gráficos", sinala Óscar Vilar Sartages, concelleiro de Obras e Servizos que participa nas mesas de traballo.
Esta iniciativa enmárcase dentro da convocatoria, que xorde a través da iniciativa "Destinos Turísticos Intelixentes", cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) e enmarcada dentro do Plan Nacional de Territorios Inteligentes.
A proposta, dotada con 1,4 millóns de euros e presentada pola Mancomunidade do Salnés, leva por título "Sanxenxo e O Grove: Polos Turísticos Intelixentes". Un proxecto co que perseguen profundar no coñecemento do turista, implementar solucións tecnolóxicas para xestionar a saturación do destino nos meses estivais e mellorar a eficiencia na xestión e prestación de servizos públicos con alta incidencia no visitante.
Outra das novas propostas incluídas no proxecto é a instalación de cámaras de visualización en directo das praias con bandeira azul do municipio para que calquera veciño ou turista poida elixir a praia á que acudir, segundo a ocupación ou o estado marítimo. "Esta ferramenta terá utilidade tamén no inverno para as persoas que practican deportes marítimos nos que o estado do mar teña en especial relevancia", indica Vilar.
O grupo de traballo analiza a posible inclusión no proxecto final de cámaras de última xeración que poidan ler con tecnoloxía OCR as matrículas de vehículos na entrada e saída do municipio. O sistema permitirá crear estatísticas sobre densidade de tráfico, tipos de vehículos que acceden a Sanxenxo, tempo de estancia e mesmo xerar alertas se se detectan vehículos buscados polos corpos de seguridade. "Consideramos que é unha ferramenta que pode ter unha gran utilidade e que profundará na seguridade do municipio", explica Vilar.
Relacionadas:
-
Sanxenxo probará a próxima semana os puntos wifi, o cálculo de dispositivos e as cámaras
Por Redacción |
-
Sanxenxo e O Grove unen esforzos tecnolóxicos e ambientais para ser 'Destinos Turísticos Intelixentes' en 2022
Por Redacción |
-
Sanxenxo e O Grove prevén iniciar tras o verán os proxectos para ser destinos turísticos intelixentes
Por Oskar Viéitez |