A Deputación presume de "máxima solvencia financeira" eliminando "prácticamente" a súa débeda
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra celebrado este venres aprobou un expediente de modificación de créditos que, entre outras cousas, segundo defende o goberno provincial "significa la práctica eliminación de la deuda provincial", que queda reducida a só 1,5 millóns de euros, un pasivo que foi cualificado como "residual".
O voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, lembrou que cando o actual equipo de goberno asumiu o control da institución no ano 2015 a débeda estaba en case 41 millóns de euros, "por lo que podemos hablar de una gestión muy seria y de un saneamiento espectacular".
A modificación orzamentaria aprobada hoxe utiliza os 2.091.852 de euros obtidos pola venda de parcelas no polígono de Barro para a amortización extraordinaria, culminando así a senda de consolidación económica iniciada en 2015, "situando a la Deputación en un escenario de máxima solvencia financiera".
GASTOS COVID
Nesta sesión plenaria tamén se aprobou un acordo plenario, apoiado polos grupos do PSdeG-PSOE e BNG e rexeitado polo PP, polo que a Deputación reclamará á Xunta que compense aos concellos os gastos realizados por mor da pandemia de covid19 e polo exercicio das competencias impropias, unha "factura" que se vai incrementando ano tras ano e que se disparou coa crise sanitaria.
Concretamente se reclama a creación dunha partida específica nos orzamentos autonómicos de 2021, ou ben co incremento do Fondo de Compensación Local básico por un importe equivalente.
Por outra banda, o pleno rexeitou a moción presentada polo PP sobre as contías da recadación do IVE non liquidadas ás entidades locais na participación dos ingresos do Estado do ano 2017, asunto que xa tiña sido debatido o pasado febreiro.