Talento azul para atraer fondos europeos na Ría de Arousa
Por Redacción
O GALP da Ría de Arousa quere aproveitar a oportunidade de convocatorias de axudas europeas, que se atopa aberta ata o mes de marzo de 2021, e por este motivo celebraba este xoves en Cambados unha sesión de traballo coa intención de promover proxectos innovadores que atraian eses fondos da Unión Europea a esta zona.
Debido ás limitacións dos protocolos sanitarios limitouse a entrada a 60 persoas e habilitouse unha emisión en steaming para seguir a xornada a través de redes sociais.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Susana Rodríguez Carballo; a alcaldesa de Cambados Fátima Abal e a presidenta do GALP Ría de Arousa María José Vales participaron na apertura da sesión. Vales destacou que este momento de incerteza esíxense solucións creativas que mostren o talento das persoas da terra.
Rosa Carballo, xerente da entidade, moderou as tres meses nas que se analizaron proxectos postos en marcha noutras zonas da costa galega. Desta forma, entre outros temas, estudouse un vehículo marisqueiro mulifuncional, promovido pola confraría de Mugardos, durante a mesa de Valor Engadido.
Na 'mesa de diversificación, colaboración e gobernanza', o GALP 4 Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible presentaba un proxecto de desenvolvemento dun Protocolo de Coxestío entre as confrarías da ría Muros-Noia. Pola súa banda, o GALP 6 Ría de Pontevedra presentaba Mar das Illas, outro proxecto en colaboración co GALP da Ría de Arousa e o de Vigo-A Guarda. Neste caso búscase a promoción do turismo mariñeiro nas Rías Baixas.
Na mesa social, patrimonio e medio ambiente tratouse unha proposta de mobiliario de formigón reciclado producido con casca de mexillón a cargo dunha empresa de Cambre. Tamén se presentaba un proxecto de Aula do Mar a cargo do GALP Mariña Ortegal, coa idea de axudar a integrar socialmente ás persoas con enfermidade mental crónica.
Os asistentes puideron realizar preguntas para traballar sobre ideas similares que poidan optar ás axudas.