Bueu instala luminarias led no camiño lateral do cemiterio municipal
Por Redacción
Félix Juncal, alcalde de Bueu, realizou este xoves unha visita aos cemiterios municipais para comprobar as labores de mantemento que se están levando a cabo os operarios da brigada municipal de obras e servizos, de cara ás festividades de Defuntos e Todos os Santos.
O rexedor, que se encarga da xestión das obras e servizos, destaca que no camiño lateral do Cemiterio Municipal de Bueu se instalaron un total de sete proxectores tipo LED, que permitirán contar con iluminación nese lugar nestes días e durante o resto do ano, tal e como demandaban moitos veciños.
Ademais, de cara a estes días nos que se agardan moitas visitas aos cemiterios, o alcalde ditou un bando coas normas de utilización dos camposantos de Bueu, Cela, Beluso e Ermelo, que se adaptan ás medidas anti-Covid da Consellería de Sanidade.
Así, lémbrase que a cidadanía deberá respectar todas as pautas de seguridade e hixiene (uso obrigatorio de máscara, distancia interpersoal e utilización de xel hidroalcólico), e as visitas deberán ser dun máximo de trinta minutos, evitando xuntarse máis de catro persoas.
O alcalde recomenda que os cemiterios se visiten nos días previos a estas festividades para evitar aglomeracións. En todo caso, tamén se deron indicacións á Policía Local para que vixíe o cumprimento destas medidas e controle o tráfico nos viais de acceso.