Pecha o maior parque de bólas de Pontevedra: "Chegou a situación de dicir: non podo seguir con isto porque me estou afundindo"
Por María José Pita & Mónica Patxot
"Vaia, dime que queres que che conte: a tristeza da miña vida?".
Deste xeito tan directo Francisco Javier Estévez, o propietario do parque infantil Bule Park de Pontevedra, atende amablemente á nosa chamada. Non é un momento fácil. No medio da conversación, interrómpenos para despedir a unha antiga empregada que lle está axudando a baleirar o local no que en 2014 puxo todas as súas ilusións e, por que non dicilo, unha enorme forza de superación.
"Na crise de 2008 eu traballaba en administración e contabilidade de empresas, quedei no paro e con 45 anos tiven que reinventarme e solicitar un ICO para montar un negocio e poder seguir traballando. Non tiña ningunha experiencia nisto. E agora nesta crise véxome con 54 anos e con cero futuro, falando claro, quen te colle a ti con 54 anos?, xa me dirás", laméntase Francisco Javier.
O parque infantil que creou en Pontevedra foi un referente para os máis pequenos e os seus familiares, xa que contaba con cafetería para que os maiores acompañasen aos seus nenos nas celebracións de aniversarios. Unha actividade incesante que se interrompeu o pasado mes de marzo. "Pois mira, desde o estado de alarma que foi o 14 de marzo ata o día de hoxe practicamente non tiven actividade ningunha, só tiven dous ou tres aniversarios en todos os sete meses e pico que levo pechado".
Ante estes números, é inevitable preguntarlle cantos aniversarios afacían celebrarse no seu local antes da pandemia. "Na época boa, que é o inverno, nós estabamos a facer 3 e 4 aniversarios diarios. Pola semana igual facías un par deles ao día pero chegaba o sábado e o domingo e é cando máis movemento había. Eu tiven sábados de facer catro aniversarios de mañá e catro de tarde".
A comparativa é desoladora: menos dun aniversario ao mes para facer fronte aos innumerables gastos que implica este tipo de negocios. "Co local pechado, só de luz pago 160 euros ao mes e a iso súmase o aluguer". Inicialmente, a propietaria do local ofreceulle a posibilidade de abonar o 50% do alugueiro á espera de que remontase a situación. "A metade do aluguer eran 1.210 euros, pero eu non podía pagar. Oxalá. Eu durante os seis anos e pico que estiven aquí paguei relixiosamente. No mes de agosto tiven unha reunión coa propietaria e díxome que nos dabamos un prazo ata que empezase o colexio, a ver se isto cambiaba, pero isto non cambiou e o único que se fixo foi alongar máis o tema". Pasou o tempo e, sen xerar ningún tipo de ingreso "entón chegou a situación de dicir: 'non podo seguir con isto porque me estou afundindo'".
Incluso a propietaria chegoulle a expor a opción de reinventarse cun novo negocio. "Reforma, investimento, diñeiro... e iso era imposible para min, e menos tal e como está a situación". De feito, Francisco Javier mantivo aberta a cafetería pero tampouco así daban os números con só "4 cafés ou 4 bebidas ao día, porque tes varias cafeterías pegadas -na praza de Arturo Souto- e isto asóciano ao lecer do neno".
Francisco Javier atópase nun punto no que "non quero pensar en negativo pero non me queda outra, non quero que ninguén se poña na miña situación tal e como teño a miña vida agora". O Bule Park é un negocio familiar, coa súa muller como socia, ao que se suma que "a moza que teño en ERTE é a miña filla maior, que é independente, e teño unha filla de 9 anos, así que imaxínate, e unha hipoteca da casa por pagar".
Non acaban aquí os quebracabezas. "Eu teño a desgraza de que teño dous negocios deste tipo e os dous téñoos pechados. Eu son de Bueu, teño este en Pontevedra e outro pequeniño en Bueu. Pero bo, en Bueu o local é meu e pódoo aguantar aínda que non se gañe diñeiro, pero isto é inviable e non me quedaba outra que pechar a porta".
O peche do local non pon fin aos problemas para Francisco Javier. Demasiados meses sen ingresos provocaron un buraco na súa economía difícil de cubrir. "Chamoume hai uns días o asesor que leva este tema e dime 'oe que queren cobrar' e eu dígolle que quero pagar pero non podo porque eu a axuda que teño son seiscentos e pico euros e teño que pagar autónomos, aparte luz e auga do local, porque aínda non o daba de baixa, entón estiven a aguantar". Ao que se engade a dificultade para recolocar todas as atraccións e mobiliario do local. "De todo o investimento que teño aquí, podería vender algún material pero, a quen llo vendo agora mesmo coa cantidade de material que hai á venda na internet que o están regalando?".
Un amigo cédelle temporalmente un baixo para gardar este material ("do que só lle pago a contribución, é pouco pero é gasto outra vez") ata que consiga alugalo. Entón Francisco Javier xa esgotaría todas as súas opcións. Mantén a esperanza, por iso non deu de baixa a empresa e porque tamén ten que estudar como pechar completamente o negocio para que non sexa incompatible co ERTE que solicitou e non lle sancionen.
Pedímoslle se desexa engadir algo máis e dinos que "prefiro calar porque se non me meto en política". Non quere saír nas fotos nin asumir protagonismo, pero tamén sente unha responsabilidade por todos os seus compañeiros do sector ("estou nun grupo de lecer a nivel nacional e aos tres meses a xente estaba a pechar todo") e alza a súa voz: "Axudas non houbo de ningún tipo, o único que houbo foi o tema dos ERTES e o cesamento de actividade para os autónomos, que realmente non che dá para vivir, porque se ti tes cesamento de actividade e tes que pagar os teus autónomos, tes que pagar a parte proporcional de seguros sociais, que che queda a ti para vivir? E aínda por riba estás nun local, que tes que pagar un aluguer, tes que pagar luz... é que é inviable, é inviable, non hai forma de aguantar todo isto".
Nos próximos días acabará o desmantelamento total do Bule Park, o local de lecer infantil máis grande de Pontevedra, que abría as súas portas en abril de 2014. "Aos poucos imos ir caendo todos", advirte con impotencia Francisco Javier Estévez, o seu propietario.