Dispositivo especial de tráfico nos accesos aos cemiterios desde o venres ata o domingo
Por Redacción
A pesar da situación de pandemia, a Policía Local de Pontevedra en previsión dunha influencia importante de visitantes aos cemiterios durante esta fin de semana estableceu un plan de tráfico para acceder aos dous camposantos municipais, o de San Amaro e o da parroquia de Lérez.
Neste plan contémplase unha vía de entrada e outra de saída para evitar retencións e complicacións na circulación. No caso de San Amaro, o acceso ao cemiterio realizarase desde a rúa San Amaro cara á rúa Camposanto. Impedirase o acceso de vehículos que procedan a través de rúa Pintor Laxeiro conectando por Camposanto. Desviarase o tráfico á altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara á avenida Juan Carlos I.
En San Amaro cortarase o vial de servizos do cemiterio de 08.00 a 21.00 horas e está previsto que se estableza sentidos únicos para a circulación de peóns no interior do recinto, segundo anunciou a concelleira responsable Carmen Fouces.
No caso do cemiterio de Lérez establecerase un sentido único de circulación de vehículos. Desta forma, o acceso farase polo interior habitual da zona da Piolla e a saída levará a cabo seguindo esta mesma vía cara á o Outeiro. Alí, os vehículos accederán novamente á estrada de Campo Lameiro.
Protección Civil realizará un servizo nos cemiterios de San Amaro, Lérez e Lourizán en horario de 08.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 20.30 horas.
Activarase o sentido único de circulación tanto na rúa Camposanto como no acceso ao cemiterio de Lérez entre as 08.00 horas ata as 21.00 horas.
MEDIDAS COVID NON MERCADO DE FLORES
A venda de flores do día de 'Todos os Santos' realizarase na praza da Ferrería, como é tradicional, durante os días 31 de outubro e 1 de novembro.
O goberno local lembra que as persoas que realicen a venda deberán manter o distanciamento de dous metros cadrados entre os postos. Redúcese o número total dos postos de venda a 33, por razóns de seguridade.
Estableceranse fluxos de circulación peonil con puntos de entrada e saída diferenciados na praza. Na entrada ao recinto, o público poderá utilizar os dispensadores de xel hidroalcohólico instalados.
Relacionadas:
-
"Desastroso" mercado de flores na Ferrería: tres vendedores fallan e o resto quéixanse das baixas vendas
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Consulta as medidas que se aplican esta fin de semana nos cemiterios de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanxenxo adianta o dispositivo anticovid nos cemiterios para garantir o cumprimento das medidas sanitarias
Por Redacción |
-
A pandemia da Covid-19 adianta a venda de flores da campaña de Difuntos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Normas para visitar os cemiterios nestes días de pandemia
Por Oskar Viéitez |
-
Como nos organizamos para ir ao cemiterio de San Amaro o Día de Defuntos?
Por Oskar Viéitez |