Luisa Piñeiro visita Ribadumia e a Escola Infantil Saíñas, de Poio
Por Oskar Viéitez
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou este mércores a súa primeira visita institucional ao Concello de Ribadumia no marco do percorrido que está a realizar dende hai catro semanas polos 47 termos da área e ofreceu a "colaboración e dispoñibilidade" do goberno galego con este municipio do Salnés.
A representante autonómica coñeceu as instalacións municipais na compaña do alcalde, David Castro, e de varias concelleiras do goberno local e mantivo unha xuntanza de traballo na que se abordaron as principais solicitudes de Ribadumia para o executivo galego no marco da lexislatura recén comezada.
Así, analizouse a axilización do proceso de legalización do viño de Barrantes elaborado coa variedade híbrida "folla redonda" para que se poida comercializar, a aportación de horas de atención de dependencia na área de Servizos Sociais, a realización de melloras na Variante Espiritual e na Ruta da Pedra e da Auga para evitar derrubos por mor das escorrentías das choivas ou a aportación de financiamento para o novo edificio multiusos.
Ademais, o alcalde tamén solicitou que se acometan certos remates no proceso da concentración parcelaria de Lois para proceder á súa conclusión despois de que a Xunta acelerara esta actuación na anterior lexislatura e se puidera proceder á toma de posesión provisional dos predios o pasado 30 de setembro.
Tras este encontro, Luisa Piñeiro agradeceu a acollida e garantíu un contacto "periódico e constante" co Concello para acadar o maior grao de eficiencia e puxo en valor a colaboración demostrada da Xunta con Ribadumia tras investir 7,76 millóns de euros dende o ano 2017, adxudicar recentemente a rehabilitación enerxética e funcional do CPI Julia Becerra Malvar cun orzamento de 842.000 euros e iniciar o Obradoiro de Emprego de Promoción Turística a través da Mancomunidade do Salnés con 369.000 euros.
ESCOLA INFANTIL SAÍÑAS DE POIO
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra tamén visitou este mércores a Escola Infantil Saíñas, en Poio, para coñecer o seu funcionamento e as melloras proxectadas nas súas instalacións grazas as axudas da Consellería de Política Social, que achegou un total de 168.000 euros en 2020.
Piñeiro explicou, tras percorrer as instalacións coas educadoras e co alcalde de Poio, Luciano Sobral, que esta escola, impulsada desde hai décadas pola Asociación Educativa Monte Saíñas, recibíu este ano 144.273 euros da Xunta de Galicia para investir no seu funcionamento e na mellora das súas infraestruturas e equipamentos ao abeiro da orde de axudas do pasado mes de xullo para escolas infantís de entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro.
Nesta liña, a escola infantil de Poio recibirá unha subvención de 23.486 euros que se destinará, ao longo das vindeiras semanas, á renovación de 14 fiestras e radiadores, á mellora do equipamento con estantes, zapateiro, valado móbil, termómetros dixitais, esterilizador, hidrolimpiadora e carro de comidas e á dotación de material relacionado coas novas tecnoloxías e a creación da súa páxina web.
Luisa Piñeiro, que puxo en valor o traballo dunha gardería con seis unidades e capacidade para acoller ata 91 cativos de 0 a 3 anos, revelou que a Consellería de Política Social vai subvencionar este ano oito actuacións de melloras e equipamentos en escolas infantís de iniciativa social nas bisbarras de Pontevedra, O Salnés e Deza-Tabeirós coa partida de 400.000 euros habilitada para toda Galicia.
Ademais deste centro de Poio, os outros beneficiarios son Guardería Pipo, de Pontevedra; Escola Infantil Integral Dalila, de Marín; Ceo Azul, de Bueu; Abrente, de Sanxenxo; Sonrisas y Lágrimas, de Vilanova de Arousa; Elfos, da Estrada; e María Inmaculada, de Silleda, por un importe global de máis de 164.000 euros.