A Policía Local controla o cumprimento dos protocolos nos centros escolares de Marín
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Marín levan desde o inicio do curso, a través do Concello, desenvolvendo actividades para axudar á comunidade educativa na adopción das medidas diarias para evitar a expansión da pandemia.
Os efectivos policiais realizaron visitas a todos os centros educativos do municipio tratando de resolver aqueles problemas que xurdisen durante os primeiros días de adaptación á situación actual e exercendo labores de mediación.
Desta forma, a Policía Local encargouse do control de accesos e da organización dos fluxos de movemento con axuda na sinalización, cedendo material como conos ou cinta para balizar e limitar espazos entre estudantes.
Tamén se realizou un seguimento dos novos accesos habilitados, como o establecido no IES Illa de Tambo. Ademais coordináronse cos equipos directivos para realizar as inspeccións de control do alumnado, para que se cumprisen coas medidas sanitarias durante os recreos.
Reguláronse as novas opcións para estacionar, como a habilitación dun novo espazo para patio no CEIP Carballal, onde os escolares gañaron máis zona de patio ao retirarse os vehículos do profesorado do centro.
Ademais, os axentes crearon plans de tráfico específicos como o da zona do CPR San Narciso e o IES Chan do Monte. Nestes casos establecéronse novos horarios de chegada dos autobuses, limitáronse os estacionamentos e adecuáronse a sinais.
Tamén nas visitas, a Policía Local lembrou ás directivas que está en marcha o programa Policía Titor, que ofrece axuda no caso de que se detecten casos de absentismo escolar ou se precise de mediación educativa. Esta proposta permite que se contacte coa familias nas que se rexistra algún problema escolar para coñecer as causas e buscar solucións.