A vendima de Rías Baixas recolleu 34 millóns de quilos de uva
Por Oskar Viéitez
Neste ano de incerteza a vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas pechouse sen ningún sobresalto. As 159 adegas implicadas na campaña 2020 recolleron 34.470.166 kg de uva, un 6,38% máis que na anterior. Os rendementos medios da mesma situáronse en 8.420 kg de uva por hectárea.
As previsións apuntaban a que podería ser unha vendima máis abundante, pero finalmente os acios non pesaron todo o esperado. Como explica o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, "o relevante é o óptimo estado da uva á súa entrada en adega, tamén o feito de que a meteoroloxía acompañou para que se puidese recoller no momento idóneo de maduración, así como de forma ordenada e con tranquilidade".
A vendima na D.O. Rías Baixas comezou o pasado 27 de agosto e finalizou o 2 de outubro: "os traballos de recollida iniciáronse un pouco antes do habitual na nosa denominación e desenvolvéronse practicamente durante o mes de setembro" explica Agustín Lago.
As expectativas para os viños son boas, "os mostos destacan pola súa intensidade aromática e equilibrio, ou sexa, a súa compensada acidez coa gradación", engade o director técnico do Consello Regulador.
POR VARIEDADES
A vendima comezou coa recollida das variedades destinadas á elaboración dos viños espumosos de calidade, logo seguíronlle as uvas brancas, especialmente a Albariño, cuxo ciclo vexetativo é máis curto e a súa maduración máis temperá. Finalmente deuse paso ás tintas e vendimas tardías.
Na D.O. Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,08% da uva recollida, abanderadas pola Albariño que superou os 33 millóns de quilos, e seguida pola Caiño Blanco, a Loureira e a Treixadura. As variedades tintas representan o 0,92% do total, coa variedade Sousón como principal e, seguida pola Mencía e o Caiño Tinto.
En canto á produción por subzonas, dicir que o Val do Salnés continúa sendo a de maior produción cunha representación do 64%, seguida polo Condado do Tea cun 21% e O Rosal co 9,3%.
Na presente campaña de vendima participaron 159 adegas elaboradoras. Un total de 4.687 viticultores recolleron uva nas 4.090 hectáreas de superficie produtiva rexistradas na Denominación de Orixe Rías Baixas.
Relacionadas:
-
Unións Agrarias advirte da "escasa" viabilidade dos produtores da DO Rías Baixas
Por Redacción |
-
O albariño dirixe a súa mirada cara o leste de Europa, República Dominicana ou Taiwan
Por Redacción |
-
Crece o número de marcas que comercializan viño espumoso de calidade co selo Rías Baixas
Por Redacción |
-
Rías Baixas, "expectante" ante Asia, resiste aos aranceis de Trump e á incerteza do Brexit
Por Alejandro Espiño |
-
Os viticultores reclaman que non se fixen prezos da uva por baixo dos custos de produción
Por Oskar Viéitez |
-
Tímido inicio da vendima con máis de 1,34 millóns de quilos de uva recollidos
Por Oskar Viéitez |