Suspenden todas as operacións non urxentes da área sanitaria ao duplicarse os pacientes con covid-19 hospitalizados nunha semana
Por Natalia Puga
Fontes oficiais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmaron este mércores que se adoptou a "decisión organizativa provisional" de pospoñer todas as intervencións cirúrxicas non urxentes en toda a área sanitaria.
A decisión, confirmada oficialmente este mércores, tomouse, segundo estas mesmas fontes, ante a presión asistencial que empeza a ter a área sanitaria pola incidencia da covid-19.
Así, para xustificala explican que a hospitalización de pacientes con covid-19 incrementouse gradualmente nas últimas datas e pasou de 19 pacientes ingresados o pasado 21 de outubro a 45 este mércores 28. Isto significa que hai máis do dobre de persoas nos hospitais da área sanitaria, coa conseguinte necesidade de camas para atender a pacientes con esta patoloxía.
A xerencia da área sanitaria explica que se suspenderon todas as operacións non urxentes co compromiso de retomar a programación asistencial no momento que "epidemioloxicamente sexa posible" e a presión asistencial "se normalice". Non se facilitaron datos da cantidade de intervencións afectadas.
O Servizo Galego de Saúde sinala que, no marco da actual pandemia por coronavirus que está a vivirse a nivel mundial, a adopción de medidas preventivas que garantan a protección da saúde obriga aos sistemas sanitarios a tomar decisións organizativas que prioricen o control desta situación de saúde pública.
Tras anunciar a medida, desde a administración sanitaria pública galega tamén pediron "desculpas polas incomodidades" que esta situación poida xerar entre os usuarios, lembrando que a adopción de medidas organizativas extraordinarias nestas circunstancias tan excepcionais "sempre ten como prioridade a seguridade de pacientes e profesionais, así como o ben da comunidade coma colectivo social".
Relacionadas:
-
O Sergas asegura que a actividade cirúrxica na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa está normalizada
Por Redacción |
-
Os sindicatos, contra a xerencia da área sanitaria: "Se tiveran un mínimo de vergoña, dimitirían"
Por Redacción |
-
A área sanitaria supera o seu teito de casos activos de Covid, con 838
Por Diego Espiño |
-
Aumenta a alerta polo aumento dos contaxios en Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Bueu e O Grove
Por Alejandro Espiño |
-
Récord de contaxios por Covid na área sanitaria, con 82 novos positivos nun día
Por Diego Espiño |