O Concello pacta coa empresa que peonalizará Benito Corbal que a obra estea "a mediados de decembro"
Por Redacción
O Concello de Pontevedra adxudicou xa oficialmente a obra de reforma e peatonalización da rúa Benito Corbal á empresa E.C. Casas por un orzamento de 167.480,21 euros. O trámite oficializouno este luns a Xunta de Goberno e, tras a adxudicación, o voceiro municipal, Raimundo González, anunciou que xa se "pactara" coa firma que as obras rematen a tempo para a campaña de Nadal.
O pacto tamén se realizou co sector do comercio e permitirá que as obras estean rematadas "a mediados de decembro aproximadamente". Raimundo González non concretou máis a data de finalización, pero nos últimos dias se acordara que a previsión é que os traballos empecen "entre o 15 e o 20 de setembro" e que teñan un prazo de duración de dous meses.
González Carballo insistiu en que cumprir estes prazos é moi importante "na actividade comercial" da coñecida como Milla de Ouro de Pontevedra pola cantidade de tendas asentadas na rúa, en especial, no "período de crise" que se está a vivir.
A empresa E.C. Casas presentou a mellor oferta para a licitación e, ademais, ofertou unha mellora na obra que supón incrementar a parte de asfaltado no perímetro de Benito Corbal en 600 metros cadrados a maiores do proxecto de obra.
A actuación inclúe o tramo comprendido entre Sagasta e Daniel de la Sota e terá unha plataforma única para garantir o mesmo nivel de accesibilidade. O tratamento do pavimento será de lastra combinada cunhas bandas escuras de formigón pulido. As obras supoñerán a eliminación da parada de bus situada fronte á sucursal de Novagalicia Banco.