Un Nadal sen cabalgata en Marín pero con luces e a estrea dun mercado
Por Redacción
Todo o mundo asume que este ano o Nadal será moi diferente pola incidencia da pandemia, pero non por iso en Marín queren deixar de festexar unhas datas tan especiais.
Nesta ocasión non haberá cabalgata de Reis, carpa de actividades ou o tren que percorría a vila porque "temos que adaptarnos e optar por novas ideas que nos permitan gozar do Nadal dunha maneira acorde á situación que estamos a vivir", explica a edil de Festas, Marián Sanmartín.
O que si se manterá será a iluminación festiva, para a que o goberno local acaba de iniciar a pertinente licitación de contrato cun orzamento de 60.000 euros. O prazo de presentación de ofertas finalizará o próximo 6 de novembro.
Ademais da tradicional iluminación, está previsto instalar diferentes elementos decorativos, creando estacións do Nadal en distintas localizacións. Como engadido, o Concello valora organizar un concurso no que a decoración desta época sexa a protagonista.
Por outra banda, a pesar da ausencia de cabalgata, as súas Maxestades de Oriente non deixarán de visitar aos pequenos e pequenas marinenses cunha alternativa "organizada e programada" para garantir a seguridade.
Outra das novidades nas que traballa o goberno local é a creación do seu primeiro Mercado de Nadal, que contará con postos de madeira individuais debidamente decorados e mantendo as distancias nos que só se poderán vender produtos relacionados con estas festas, como xoguetes de madeira, adornos de Nadal ou alimentos típicos.