As estafas por Internet incrementáronse este ano nun 25% na provincia
Por Oskar Viéitez
Durante o primeiros nove meses deste ano as estafas por Internet incrementáronse nun 25% na provincia de Pontevedra con respecto ao mesmo período do ano 2019.
Este dato foi facilitado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que presidiu este venres a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as últimas actuacións policiais.
A subdelegada indicou que a pesar dos "bos datos rexistrados" na maior parte dos índices de infraccións penais da provincia, "hai que advertir sobre o aumento das estafas por Internet".
Neste sentido, Maica Larriba quixo facer un chamamento "á precaución coas compras na rede" e instou á cidadanía para "ser cautos co uso das tarxetas e a revelación de datos persoais na internet".
Ademais da subdelegada na Xunta Provincial de Seguridade participaron os máximos responsables dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Pérez, o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz, e o xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá e xefe provincial de Operacións en funcións, Camilo Loureiro.
Segundo valorou Maica Larriba "en liñas xerais, o índice de infraccións penais na provincia presenta unha tendencia negativa durante o 2020".
A subdelegada destacou "o acentuado descenso dos roubos en vivendas e en establecementos, sobre todo nas grandes cidades". A baixada deste tipo de delitos na provincia é de 20 puntos no caso das vivendas e de case 45 puntos no caso de establecementos comerciais.
MARIHUANA
Así mesmo, a subdelegada do Goberno informou da incautación de máis de 10.000 plantas de marihuana na provincia.
Maica Larriba incidiu no aumento das incautacións desta droga por parte da Garda Civil, destacando a aparición de "grandes plantacións" no sur da provincia e de "cultivos de interior" no norte onde se desarticularon diversas instalacións.