Bueu acondiciona a Fonte de Requeixo
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou este xoves as obras que está levando a cabo o Concello na coñecida como Fonte de Requeixo, no lugar de Bon, na parroquia de Beluso.
Alí, os operarios contratados no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra comezaron a pasada semana o acondicionamento do espazo que culminarán mañá, cuns traballos que inclúen a limpeza da contorna, a recolocación das pedras do muro, e a recuperación da auga do manancial para que volvese verter na fonte.
Moi próximo a esta zona, no lavadoiro de Tomadelo farase o saneamento da fonte e do lago.
Non é a única actuación que o Concello leva a cabo destas características, pois nos últimos días remataron os traballos de mellora na fonte e no lavadoiro do Lago Mansiño, e na Fontenova, na zona de Montemogos, tamén en Beluso.
O alcalde, que se encarga da xestión da área de obras e servizos, móstrase satisfeito e salienta que "o Concello asume unhas actuacións que historicamente veu realizando a veciñanza dos lugares, case coma un labor social", e "agora é o momento no que estamos en condicións de asumir o arranxo e mellora destes espazos, despois de que solicitásemos a creación dunha brigada con persoal de cantería e albanelería con cargo ao Plan de Emprego da Deputación".
Dende o Concello continúan con este plan global de acondicionamento de fontes e lavadoiros, que tradicionalmente foron importantes lugares de socialización da cidadanía. Neste senso, destaca que a actual liña de traballo xa arrancou o pasado ano coa rehabilitación integral dos lavadoiros do Mieliño, A Graña e o situado no barrio da Banda do Río. O plan de traballo continuará co mantemento do lavadoiro sito na zona de Xexide, e do de Portas, no vial que vai do Outeiro á Barraca.
Dado o bo funcionamento desta brigada de obras e servizos, o alcalde avanza que de cara á próxima convocatoria do Plan de Emprego, é previsible que o Concello volva solicitar persoal de diversos oficios relacionados coa albanelería.
Relacionadas:
-
Bueu completa a pavimentación dun camiño na Recta do Peón, en Beluso
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de acondicionamento da Fonte de Vilar
Por Redacción |
-
Entrega do lote de libros do Día das Bibliotecas en Bueu
Por Redacción |
-
O lavadoiro do Lago Mansiño estrea renovación
Por Redacción |
-
Bueu renova o lavadoiro da Fontenova
Por Redacción |
-
Bueu recupera o lavadoiro tradicional de Mieliño
Por Redacción |