O aparcamento disuasorio de Valdecorvos, pendente do asfaltado para entrar en funcionamento
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O concelleiro de Obras Urbanas de Pontevedra, Demetrio Gómez, visitou este mércores as obras de acondicionamento dunha parcela de titularidade municipal situada en Valdecorvos onde se habilitará un aparcadoiro disuasorio.
A parcela está situada entre a rúa das Fragas e a rúa Prado Novo e terá unha capacidade de 60 prazas distribuidas en dúas alturas.
A obra está "prácticamente acabada" e tan só lle resta o asfaltado que terá que esperar "a que pare de chover", segundo indicou o concelleiro. O orzamento desta obra son uns 46.500 euros.
"Con este aparcadoiro vamos completando a carencia que tiñamos deles pola zona leste", engadiu Gómez Xunqueira.
O concelleiro de Obras Urbanas tamén comentou que tamén está previsto habilitar outro estacionamento en superficie e de balde na Parda, concretamente na parcela situada detrás da estación do tren, na zona de entrevías que abrangue deste a rúa Otero Pedrayo e ata a rúa Tomás y Valiente.
Este estacionamento está a 200 metros dos xulgados por unha senda peonil que o Concelo ten previsto construír. "Xa está encargado o proxecto", dixo Demetrio Gómez.
O proxecto determinará que superficie da bolsa de terreo situada entre as dúas rúas poderase empregar para estacionamento tendo en conta que nese espazo "está previsto construir unha instalación deportiva moi potente" co anunciado pavillón de ximnasia.
Relacionadas:
-
A partir deste sábado 14 estará dispoñible o novo aparcadoiro de Valdecorvos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Comeza o acondicionamento dos novos aparcamentos disuasorios de Valdecorvos e A Parda
Por Redacción |
-
Dous aparcamentos en Valdecorvos e A Parda sumarán 300 novas prazas á rede de bordo
Por Alejandro Espiño |