O Grove desatasca a aprobación dos orzamentos de 2020, paralizada pola pandemia
Por Redacción
O Concello do Grove abordou este martes na súa Comisión de Contas a proposta de orzamentos municipais para 2020, unhas contas que levan unha tramitación tardía por mor da pandemia da covid-19 e que serán debatidas no Pleno ordinario do vindeiro luns 26 de outubro.
O proceso chega con meses de atraso como consecuencia da paralización de procedementos durante o estado de alarma e a urxencia de actuacións na desescalada.
O Goberno local destaca que son unhas contas "prudentes", xa que se prevé unha baixada da recadación como consecuencia da crise actual que estamos vivindo.
O proxecto de orzamento está cifrado en 10.361.741 euros de gastos, un 2,35% menos que o orzamento de 2019 (10.605.165 euros). O maior aforro conseguiuse nos gastos financeiros, nos que se atende a gastos de préstamos e operacións bancarias, que se reducen nun 29,30% e pasan de máis de 63.000 euros a menos de 49.000 euros.
As partidas máis cuantiosas son as de persoal (4,5 millóns) e de gastos correntes (4,2 millóns). Os gastos de persoal aumentaron o 0,36% ao incluírse os incremento das retribucións dos empregados públicos marcado polo Estado, o relativo ao acordo asinado cos sindicatos no mes de xullo e o aumento salarial da Policía Local.
No capítulo de gastos correntes contemplouse o incremento de gastos xerado pola nova planta depuradora, que foi 'compensado' pola redución de gastos pola non celebración da Festa do Marisco durante este ano.
No relativo a ingresos estímase unha redución na recadación dos impostos directos (imposto de bens inmobles, imposto de actividades económicas e imposto de vehículos) cunha minoración do 3,95%.
O dato positivo está nos impostos indirectos (imposto de construcións, instalacións e obras), xa que o que xa foi recadado ao longo de ano permite estimar que se incremente un 43,32% o ingresado por esta vía.
Tamén se reducen nun 6,82% as previsións de recadación por taxas e prezos públicos, sobre todo tendo en conta a ausencia da Festa do Marisco, que realizaba unha importante achega a esta partida que se estima en pouco máis de tres millóns de euros. os ingresos procedentes do Estado (transferencias correntes) está previsto que incremente no 1,52%.