O PSOE reclama no Parlamento que se volva licitar o proxecto do Gran Montecelo antes de que remate 2020
Por
A nova licitación das obras do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra chegará ao Parlamento de Galicia da man do grupo socialista. A pontevedresa Paloma Castro presentou unha pregunta para a súa resposta no Pleno da Cámara e unha proposición non de lei para preguntar polo estado actual do proxecto despois de que no verán a Xunta anunciase esta nova licitación e pedir que saia a concurso de novo antes de que remate o ano 2020.
A Xunta iniciou a licitación das obras do Hospital Gran Montecelo en abril cun investimento de 114,6 millóns de euros e, tras ese anuncio, a Federación Galega da Construción e a Asociación de Construtores de Pontevedra solicitaron que se ampliase o prazo de presentación de ofertas, argumentando a gran envergadura e complexidade técnica da obra, ademais da situación producida pola pandemia da covid-19.
A Administración autonómica ampliou o prazo para a presentación de ofertas ao 13 de xullo e, aínda así, só unha empresa, a UTE Acciona-Veolia, presentou unha oferta ao concurso, de modo que se anunciou unha nova licitación.
A Xunta de Galicia xustificou esta ausencia de empresas concorrentes manifestando que se trata dunha situación anómala e que é necesario reiniciar o procedemento para garantir a viabilidade da actuación e asegurar que o proxecto se realizará nos prazos estipulados e sen incidencias.
Na pregunta presentada ao Pleno, Paloma Castro quere saber "como valora a Xunta de Galicia a situación actual na que se atopa o proxecto?", pois lembra que tras ese anuncio de nova licitación celebrouse unha xuntanza no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo coa Federación Galega da Construción e a Asociación de Construtores de Pontevedra na que os construtores pediron aos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas e da Consellería de Sanidade a revisión do proxecto licitado, por considerar que hai cuestións da licitación que fan inviable a execución das obras.
En canto á proposición non de lei asinada por Paloma Castro e os tamén deputados socialistas Julio Torrado e Marina Ortega, a través do seu portavoz, Gonzalo Caballero, instan a á Xunta a solicitar á empresa encargada do proxecto a modificación das cuestións da licitación que fan inviable a execución das obras, así como materializar unha nova licitación antes de que acabe o 2020.
Relacionadas:
-
O PSdeG cualifica de "tomadura de pelo" o atraso nas obras do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
O Concello lamenta o retraso que supón unha nova licitación das obras do Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta acorda unha nova licitación das obras do hospital Montecelo unha vez revisado o proxecto
Por Oskar Viéitez |