A goleta británica Pelican of London refúxiase da borrasca Bárbara en Marín
Por Oskar Viéitez
O peirao Ceferino Nogueira do Porto de Marín acolle estes días a escala da goleta británica Pelican of London, que se refuxiou do temporal na súa travesía polo Atlántico.
Trátase dun barco de adestramento de vela con sede en Gloucestershire (Reino Unido) que realiza un cruceiro anual de instrución para promover a formación en navegación.
Arribou en Marín con 45 persoas, das que oito son tripulantes, trinta son alumnos, tres son profesores e catro son instrutores.
É un barco construído en 1948 que serviu como arrastreiro ártico e logo como mercante costeiro. En 2007 converteuse nun buque escola para a práctica da vela. Conta con 45 metros de eslora, 7 de manga e 4 de calado.
Este buque escola chegou ás Rías Baixas dentro dunha viaxe de estudos que arrancou en Emden (Alemaña) o pasado día 7, que se prolongará durante seis meses nos que visitará Centroamérica, previa escala en Tenerife e Cabo Verde antes de cruzar o Atlántico.