Peche en Celso Míguez do comité de empresa para forzar o diálogo coa dirección
Por Redacción
O comité de empresa de Celso Míguez iniciou un peche na sede que esta entidade de venda de material de pinturas e bricolaxe ten en Pontevedra. Con esta medida, o persoal quere forzar unha reunión coa dirección da empresa.
Desde a CIG sinalan que queren abordar tanto as débedas salariais existentes como o peche de tendas e o traslado de traballadores que a firma de pinturas realiza sen comunicalo previamente á representación sindical.
CIG- Servizos reclama esa reunión que solicitara para este luns. Ao comprobar que non se produce resposta pola empresa, o comité de empresa decidiu permanecer encerrado nas instalacións ata que se estableza unha cita para que se desenvolva ese encontro.
Actualmente a representación sindical está formada por dous delegados de CIG e outros dous de Comisións Obreiras, despois de que o presidente do comité (de CC. OO.) abandonara a empresa. Con esta acción de peche, despois de levar semanas con manifestacións pola cidade, buscan que se estableza un diálogo para tratar a débeda salarial que ascende a catro meses de soldo e dúas pagas extra.
A semana pasada, a dirección da empresa pechou o establecemento do Porriño. Celso Míguez conta con preto de 90 traballadores e agora conta con 15 centros de traballo abertos en Galicia.
Relacionadas:
-
O concurso de acredores da empresa Celso Míguez provoca 25 despedimentos
Por Redacción |
-
Denuncian que unha auxiliar de Ence obriga aos seus traballadores a estar dispoñibles as 24 horas
Por María José Pita |
-
Manifestación do persoal de Celso Míguez para reclamar os salarios atrasados
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Os traballadores de Celso Míguez esixen o pago dos salarios e un plan de viabilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |