A ampliación do centro de recuperación de fauna silvestre de Carballedo estará feita a final de ano
Por Redacción
Antes de final de ano. Previsiblemente, en novembro. É a data na que a Xunta de Galicia prevé que estean rematadas as obras de reforma e ampliación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, xa que os traballos están moi avanzados.
Nesta actuación, que está executando empresa Arines Obras y Proyectos, o goberno galego está a investir preto de 175.000 euros.
As obras que se están a realizar consisten na construción dun túnel de voo para facilitar a práctica das aves recuperadas, previamente á súa solta no medio natural, e unha instalación con piscinas e zona de baño para a recuperación de aves acuáticas.
Concretamente, disporá dun estanque e seis piscinas máis reducidas con divisións móbiles entre elas, de maneira que poidan xuntarse dúas. Terá o perímetro valado e unha cubrición con tela metálica para evitar a fuga dos animais.
Os rexistros de entrada de animais en Carballedo demostran que o 90% dos ingresos son aves e entre elas, predominan as aves rapaces e acuáticas, polo que se estimou necesario reforzar as instalacións mellorando as dotacións dirixidas a garantir a rehabilitación destas especies.
Esta actuación dá continuidade aos traballos executados no centro nunha primeira fase, que rematou a finais do ano 2018 e na que a Xunta investiu preto de 500.000 euros.
Naquela reforma levouse a cabo a adecuación dun edificio que xa existía para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria, así como a construción dun novo inmoble destinado á recuperación dos exemplares tratados e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.