Os socialistas de Marín ven "desacertada" a iniciativa do autocine
Por Redacción
Se a organización da sesión de autocine pretendía fomentar compras no comercio local, "o seu impacto foi mínimo". Se do que se trataba era dun acto cultural, "existían outras moitas prioridades". Ese é balance que fan os socialistas de Marín do autocine.
Tanto é así que o PSOE considera "desacertada" esta iniciativa do goberno municipal, ao entender que apenas xerou ingresos no comercio do municipio.
O portavoz socialista, Manuel Pazos, lembra que das 80 entradas ofertadas "cubríronse pouco máis da metade", o que reflicte o "escaso interese" por esta proposta.
En canto ao seu impacto, o edil do PSOE explica que por cada 50 euros de compras no comercio local, o Concello tivo que pagar 37 euros, algo que consideran "desproporcionado" porque "nin sequera quedou no tecido comercial marinense".
Ademais, os socialistas censuran que a película elixida fora Joker, xa que afirman que "se pretendía ser unha actividade cultural parécenos que nin o formato nin a temática é adecuado".
A este respecto, desde a oposición piden ao goberno municipal "seriedade e menos propaganda" para poder impulsar as medidas que "mellor impacto económico teñan" sobre o comercio local ou sobre o tecido cultural do municipio.