Advirten sobre a "falsa sensación de seguridade" que crean os test covid-19 nas farmacias
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Colexio de Médicos de Pontevedra mostrou a súa "preocupación" ante a campaña para realizar test rápidos de dobre banda para detectar a covid-19 nas farmacias galegas.
Os facultativos pontevedreses entenden que os test para detectar o virus "son só unha parte" da avaliación clínica do paciente polo que "deben ser prescritos sempre" por un médico, como expresa "claramente" o ordenamento das profesións sanitarias.
A través dun comunicado sinalan ademais que estas probas deben realizarse nunha "contorna asistencial adecuada" e cun persoal que estea "adestrado" para facelos, para garantir a seguridade dos pacientes.
"Parécenos unha temeridade que se realicen estes test sen ter en conta aos profesionais médicos", sinala o Colexio de Médicos, que advirte da "falsa sensación de seguridade" que un resultado positivo pode inducir na cidadanía.
O organismo médico lamenta que Sanidade "obvie" a opinión e o asesoramento dos profesionais médicos na súa toma de decisións, "sobre todo polas implicacións que estas campañas poden ter na Atención Primaria, xa enormemente sobrecargada".
A este respecto, avanzan que a asesoría xurídica do Consello Galego de Médicos está a estudar esta campaña e non descartan tomar medidas para que se suspenda.