O PP recupera do seu programa electoral o proxecto dun novo pavillón na Seca
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, reuniuse esta semana con representantes de clubes deportivos do municipio para recuperar "o único proxecto real e viable que existe", para un novo pavillón de deportes "que é o que os populares levaban no seu programa electoral"
Aquela promesa coa que o PP concurriu ás eleccións locais de 2019 tiña un novo pavillón, ximnasio e a tan esperada piscina municipal.
Moldes explicou que con esta xuntanza "quixemos escoitar aos principais usuarios do pavillón actualmente para realizar unha proposta consensuada" e así poñerse a traballar o antes posible para a construción dunhas instalacións "que respondan ás demandas e necesidades do deporte de Poio e que estean á altura dos nosos deportistas".
Logo de coincidir todos os presentes que A Seca é a localización máis acaída, agora Ángel Moldes di que "buscaremos adoptar todas as medidas xurídicas e urbanísticas necesarias e contar coa aportación dos técnicos; e finalmente, cun proxecto maduro, buscaremos a financiación tocando na porta de todas as administracións".
Moldes comprometeuse a seguir apoiando o deporte de Poio e a levar a iniciativa para que este proxecto se faga realidade.