O proxecto da variante de Mollavao "pega un bo salto" ao non necesitar avaliación ambiental ordinaria
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, valorou positivamente o avance administrativo do proxecto do novo vial de Mollavao despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitise o informe de impacto ambiental.
Esta variante de Mollavao prevé conectar a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro.
Tal e como se recolle na notificación da avaliación de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático, remitida á Deputación Provincial de Pontevedra, promotora do proxecto, conclúese que non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente e, por tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria.
Neste sentido expresou a súa satisfacción César Mosquera xa que "este tipo de trámites nunca sabemos por onde van saír" e agora que non é necesario este paso administrativo "pegamos un bo salto".
A consellería chega a esta conclusión despois de recompilar os informes dos distintos órganos competentes, que se pronunciaron favorablemente ao non existir afección a bens do patrimonio cultural coñecidos. Tamén se sinala que -dadas as características da infraestrutura- non provocará impacto paisaxístico significativo, nin sobre o medio hídrico e é compatible coa preservación do patrimonio natural e da biodiversidade.
O obxectivo do proxecto, impulsado pola Deputación, é conectar a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro, no barrio de Mollavao, mediante unha nova estrada, para mellora da mobilidade, permeabilidade e accesibilidade do sistema viario da zona oeste da cidade de Pontevedra e a integración da zona dentro do tecido urbano da cidade.
O proxecto consiste na execución dunha nova vía de conexión entre a avenida de Marín (PO-12) e a rúa Rosalía de Castro (PO-546). A nova infraestrutura terá uns 100 metros de lonxitude con dous carrís de dobre sentido de circulación de 4 metros de ancho, beiravías de 1 metro, e beirarrúas de 5 metros.
A conexión coas estradas existentes realizarase mediante glorietas, unha na PO-12 cun radio exterior de 6 metros e carrís de 3,5 metros de ancho e outra na rúa Rosalía de Castro de 12,75 metros de radio exterior e carrís de 3,5 metros.
Relacionadas:
-
Aumenta a deterioración do solar de Mollavao utilizado como entulleira descontrolada
Por Redacción |
-
O novo vial de Mollavao licitarase "canto antes" e prevese construír en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello, pendente de Costas para iniciar o novo vial de Mollavao en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
A piques de rematar o periodo de consultas a administracións para a nova estrada de Mollavao
Por Redacción |