Unha carpa anti covid-19 para evitar as aglomeracións durante a campaña antigripal no centro de saúde de Anafáns
Por Redacción
O Concello de Poio habilitou desde este venres unha carpa nas inmediacións do centro de saúde de Anafáns para garantir que as persoas que acoden ao centro para vacinarse contra a contra a gripe teñan un lugar no que resgardarse da choiva mentres agardan sen que se xeren aglomeracións que non están permitidas nos protocolos anti covid-19.
A iniciativa púxose en marcha con motivo do inicio da campaña da vacinación contra a gripe a petición da dirección deste centro situado na parroquias de San Salvador.
A infraestrutura permanecerá operativa durante as primeiras semanas desta campaña do mes de outubro, que é cando se producen máis saturación de xente.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Comisión de Emerxencia covid-19. Segundo explicou a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, enmárcase na colaboración directa que mantén o Concello co centro de saúde e busca "evitar aglomeracións para manter o control da pandemia".
Marga Caldas insiste na "especial relevancia" da campaña de vacinación contra a gripe no contexto actual e anima á cidadanía a que se sume á campaña "respectando en todo momento as medidas que marcan as autoridades sanitarias"
O Concello está estudando fórmulas para tratar de facilitar o desprazamento ao centro de saúde daquelas persoas máis vulnerables que non conten con medios de desprazamento para poder trasladarse ata o centro. Unha das primeiras medidas que activou a Comisión de Emerxencias da Covid-19 en canto se aplicaron en Poio, o pasado 11 de setembro, as medidas restritivas foi manter un contacto directo cos responsables do centro de saúde de Anafáns e dos ambulatorios de Combarro e Raxó. Ademais, continúan coas desinfeccións.