Deteñen en Pontevedra e arredores catro membros dunha banda que roubaba supermercados por Galicia
Por Redacción
Unha operación da Policía Nacional a nivel galego permitiu a detención de catro persoas que supuetamente cometeron nove roubos con forza, polo método do butrón, en supermercados da mesma cadea en distintos puntos da comunidade. Os catro presuntos ladróns foron arrestados, segundo a Xefatura Superior de Policía de Galicia, en Vilagarcía de Arousa, Vilaboa e Pontevedra e Arcade, no veciño Concello de Soutomaior.
Os detidos xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña que levou a investigacíon. Trátase de tres homes de nacionalidade española e unha muller de orixe colombiana, os catro de enetre 29 e 45 anos.
As catro detencións producíronse o mércores 28 de agosto e producíronse por roubos con forza e pertenza a grupo criminal.
A investigación iniciouse por unha denuncia presentada na Coruña en xuño por un roubo cometido nun supermercado durante un fin de semana tras realizar un burato a través dun local contiguo baleiro. Tras inutilizar as cámaras de video-vixilancia, sacaron da súa ancoraxe a caixa forte, que trasladaron á cámara frigorífica. Alí, abrírona con ferramentas tipo radial para subtraer do seu interior o diñeiro en metálico, causando "cuantiosos danos".
A Policía comprobou que a cadea de supermercados xa denunciara outros roubos dende o mes de febreiro polo mesmo 'modus operandi' en Arcade, Melide, Vilagarcía, Santiago de Compostela, Milladoiro, Ferrol ou Santa Comba, este último en dúas ocasións, subtraendo un total de 125.00 euros en efectivo, ademais de provocar "cuantiosos danos materiais".
Nos diferentes rexistros, recuperáronse diversos efectos como ferramentas variadas, radial con discos, maza, cisalla, pata de cabra, trade, equipo de soldadura, teléfonos móbiles, tarxetas telefónicas, cámara de fotos, e 1.850 euros en efectivo.
A investigación estivo A Cargo do Grupo de Delincuencia Organizada e Violenta da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Coruña, conxuntamente coa Brigada Local de Policía Xudicial de Ferrol, coa colaboración da Brigada Provincial de Policía Xudicial de Pontevedra, GOES-Galicia, e Guías Caninos.