A Deputación destina 409.921 euros a entidades sociais da provincia
Por Redacción
O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres novas subvencións para entidades con programas sociais.
A Xunta de goberno provincial aprobou destinar 409.921 euros a un total de 78 entidades para actuacións e proxectos de atención especializada a persoas de especial vulnerabilidade e que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas, se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social.
As entidades que se van beneficiar desta liña de subvencións da Deputación pertencen a 16 concellos da provincia, entre eles Pontevedra, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.
Inclúense entre as iniciativas subvencionadas proxectos de promoción da autonomía persoal en persoas con enfermidades mentais, servizo de información e orientación para persoas con parálise cerebral, fomento do emprego, prevención e apoio en hábitos saudables en persoas con TEA, atención integral ao menor con patoloxía oncohematolóxica, clases de educación musical e expresión plástica, ou reparto de alimentos.