Fin de semana con nubes e claros nas Rías Baixas antes da chegada de borrascas
Por Redacción
Galicia manterase este venres baixo a influencia das altas presións con ventos de compoñente sur. Espéranse ceos pouco nubrados nas Rías Baixas, con algunhas nubes de tipo alto. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso, mentres que as máximas ascenderán tamén lixeiramente para situarse entre os 9 e os 21 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente sur, aumentando en intensidade paulatinamente no litoral atlántico, segundo as previsións do servizo de MeteoGalicia.
Durante este sábado 17, unha fronte achegarase a Galicia pero non chegará a entrar e simplemente incrementarán a presenza de nubes nas provincias atlánticas e provocará algunha choiva ocasional no extremo oeste. As temperaturas ascenderán, sobre todo as mínimas establecéndose entre os 12 e os 20 graos. Os ventos seguirán soprando frouxos de compoñente sur, con intervalos moderados no litoral.
O domingo haberá un predominio da influencia anticiclónica sobre Galicia durante toda a xornada. Espéranse ceos con alternancia de nubes e claros, máis despexados durante a tarde. As temperaturas situaranse entre os 13 e os 23 graos, experimentando un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán frouxos, de compoñente sueste.
A partir da próxima semana, a comunidade situarase baixo a influencia de borrascas atlánticas, con entrada sucesiva de frontes a partir das primeiras horas do luns. A probabilidade de precipitacións será alta para este período do ano. As temperaturas descenderán para establecerse entre os 10 e os 16 graos, con ventos de compoñente sur.