O auditorio de Príncipe Felipe xa amosa a nova cuberta e unha fachada renovada
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de reparación da cuberta e fachada do auditorio do centro Príncipe Felipe nas que investiu preto de 230.000 euros. Deste xeito dáse solución a unha problemática histórica deste espazo que, construído na década de 1970, presentaba numerosas humidades e filtracións de auga que mesmo impedían acadar os niveis adecuados de habitabilidade e seguridade.
A obra desenvolvida, iniciada neste mesmo ano, permitiu eliminar as filtracións de auga que entraban pola cuberta e tamén pola fachada do auditorio así como mellorar a eficiencia enerxética e illamento do espazo.
En concreto, substituíronse as fiestras, reparáronse xambas, verteaugas e falsos teitos deteriorados, cambiáronse as luminarias interiores, saneáronse e pintáronse as estancias afectadas, instaláronse detectores de incendios, executouse unha nova cuberta plana con renovación da súa impermeabilización, resolveuse a problemática das xuntas entre a cuberta e a fachada e incorporouse illamento térmico.
Entre o ano pasado e este 2020 a Deputación de Pontevedra está a investir en torno a dous millóns de euros en obras de renovación, mantemento e mellora do centro Príncipe Felipe.