Comeza o novo curso na Residencia de Estudantes
Por Redacción
A Residencia de Estudantes da Fundación Novacaixagalicia, emprazada no número 1 da Avenida de Vigo en Pontevedra, abre as súas portas ao novo curso escolar 2013-2014 o vindeiro luns día 2 de setembro. Para este novo ano académico a residencia aínda dispón das súas últimas prazas, cunha ocupación ata o momento que supera o 90%. Ten a capacidade de albergar a 120 usuarios por curso escolar.
A carreira á que máis acoden os seus residentes é Publicidade e Comunicación, un 32 % deles, seguida de Deporte, un 28 %, e un 20 % deles estudan Belas Artes. A residencia da fundación galega mantén os mesmos prezos, condicións e servizos que no anterior curso académico.
A Residencia de Estudantes da Fundación Novacaixagalicia foi creada no ano 1969. Con 43 anos de tradición pasaron polas súas instalacións máis de 5.000 estudantes das facultades, escolas universitarias e centros de formación profesional do Campus de Pontevedra.
Nace, vive e traballa co obxectivo de facilitar aos alumnos o ambiente axeitado para unha boa convivencia e estudo, ofrecéndolles a posibilidade de participaren nunha gran diversidade de actividades complementarias, orientadas a aumentar a súa formación cultural, científica e deportiva.