Cando o roubo é rápido, pero a detención aínda máis: así actuou e caeu en apenas dez minutos unha ladroa en Eduardo Pondal
Por Natalia Puga
Esta historia ocorreu case máis rápido do que tardará en ler esta noticia. É o relato dun roubo rexistrado a última hora da tarde deste mércores na carnicería Androlla da rúa Eduardo Pondal de Pontevedra, no que unha ladroa entrou, levou o diñeiro da caixa rexistradora en cuestión de segundos e apenas dez minutos despois xa estaba detida e camiño da Comisaría. É, por tanto, a crónica dunha ladroa rápida e duns policías aínda máis.
Segundo relataron os responsables do negocio a PontevedraViva, a dona estaba soa no local e deuse a volta para facer outras xestións cando, de súpeto, escoitou o son que fai a caixa rexistradora cando se retiran dela os billetes. Virouse de inmediato e viu que unha muller co pelo claro, coleta e cazadora escura abandonaba a carnicería a fume de carozo, de modo que non perdeu tempo e chamou á Policía Nacional.
A muller facilitou á Policía a descrición da ladroa e apenas dez minutos despois volveron poñerse en contacto con ela: xa estaba detida. Segundo puido saber, a muller saíu á carreira do seu negocio, pero os policías xa estaban avisados da súa fuxida, de modo que axentes de paisano déronlle o alto en cuestión de minutos e, tras comprobar que se correspondía cos datos físicos da sospeitosa, procederon á súa detención.
A noticia que recibiu a dona do local foi boa por partida dobre, pois non só detiveran á ladroa, senón que, ademais, recuperaran todo o diñeiro que lle roubaban. Non é capaz de calcular a cantidade exacta, pero si que rolda os 300 euros. "No fue mucho dinero porque hoy fue un día terrorífico", relatan, pero o suficiente para facer un bo buraco na súa caixa.
A muller actuou con rapidez, pero non improvisou, senón que tiña claro o seu obxectivo. Levou todos os billetes de 10, 20 e 50 e mesmo os tickets dos pagos con tarxeta que adoitan estar pegados aos billetes de 50. Con todo, deixou atrás os dous billetes de 5 euros que había e todas as moedas.
Os feitos ocorreron a última hora da tarde deste mércores e os propietarios aínda non acudiron a formalizar a denuncia. Farao á primeira hora deste xoves e, ademais de relatar os datos e oficializar a queixa para poder recuperar o seu diñeiro, aproveitarán para dar as grazas pola eficiencia policial.
"Estamos muy agradecidos por la rapidez y el buen hacer de la Policía Nacional", relatan, e queren poñer en valor o traballo policial, que permitiu sacar de circulación a unha ladroa e esclarecer un roubo que non supón un botín moi grande, pero si un dano enorme para as súas vítimas. No ano e medio que leva aberto o local en Eduardo Pondal non sufriran ningún roubo nin contratempo similar e o golpe foi duro, pero polo menos teñen a satisfacción de sentirse protexidos polo bo facer da Policía.