Interveñen 205 plantas de marihuana en dúas plantacións de Cambados e Vilanova
Por Redacción
A Garda Civil interveu 205 plantas de marihuana nas últimas horas na comarca do Salnés. Foi en tres domicilios de Cambados e Vilanova de Arousa e, paralelamente, localizáronse outras doce noutra casa da provincia, en Ponteareas. As plantacións encontrábanse en invernadoiros axeitados para o seu cultivo e desenvolvemento, con sistemas de lámpadas para calor, rego, humificadores e medios de secado.
As intervencións do Salnés son froito das investigacións realizadas pola Garda Civil de Cambados tras detectar un incremento na venda e consumo da planta de cannabis e os seus derivados, que procedía de dúas plantacións distintas, unha de Vilanova e outra de Cambados.
A de Vilanova é de alto rendemento e estaba oculta no interior dunha vivenda abandonada anexa ao domicilio do responsable desta, que se encontraba totalmente acondicionada para o cultivo. Foron incautados un total de 70 plantas, fertilizantes especiais, focos de calor e sistemas de ventilación que eran utilizados para acelerar o crecemento destas.
A raíz desta actuación detívose na madrugada do 29 de agosto a
D.N.V, veciño de Vilanova de Arousa de 28 anos , por un suposto delito contra a saúde pública polo que xa foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Vilagarcía de Arousa xunto con todos o efectos intervidos.A segunda plantación localizouse en Cambados oculta entre a maleza dentro dun terreo. Estaba integrada por 135 plantas de cannabis e diversas ferramentas necesarias para a infraestrutura do invernadoiro.
Como suposto responsable foi detido o cambadés de 36 anos J.B.V.C. por un delito contra a saúde pública. O detido e os efectos intervidos foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Cambados, quedando en liberdade con cargos.