Polo río abaixo van 40.000 alevíns de troita
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e os alcaldes de Campo Lameiro, Cotobade e Cerdedo, Julio Sayáns, Jorge Cubela e José Balseiros, respectivamente, participaron este venres na solta de alevíns de troita común no río Lérez.
Esta acción se enmarca no Plan de Recuperación das poboacións ameazadas. Este ano 2013 a Xunta está reforzando a poboación de troita no río Lérez mediante a solta de 40.000 alevíns de troita procedentes da piscifactoría de Carballedo o longo do seu curso.
Esta semana, ademais das soltas no río Lérez o persoal do Servizo de Conservación realizou varias soltas ata acadar os 20.000 alevíns de troita no río Verdugo durante os últimos seis anos co propósito de recuperar a súa poboación piscícola.
No plan de recuperación das poboacións de troita común autóctona nos ríos de Galicia, emprégase a técnica das repoboacións só naquelas situacións onde o proceso natural poida resultar imposible ou dunha duración excesiva. No resto dos casos procúrase que sexan as poboacións existentes na mesma conca fluvial as responsables de colonizar os treitos afectados por episodios de mortalidade.