O alumnado do instituto das Bizocas participará nunha limpeza simultánea de praias
Por Oskar Viéitez
A próxima fin de semana (os días 16, 17 e 18 de outubro), máis de 20 entidades colaborarán nesta novena edición da limpeza simultánea de praias. Entre elas está o IES As Bizocas, do Grove que participará xunto a outros centros de ensino, asociacións ecoloxistas, culturais, do mar, concellos, escolas de surf, e particulares, que non queren perder a oportunidade de axudar ao noso litoral.
Neste caso o alumnado meco traballará na praia de Area da Cruz.
Esta actividade consiste en congregar a un mesmo tempo nas praias galegas centos de voluntarios que queiran participar na retirada do lixo que acaba nas praias co gallo de concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos.
O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, entre as principais causas está a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, a mala xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación.
Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar, pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en xeral.
A finalidade desta iniciativa non é deixar a praias sen ningún residuo, senón visibilizar o impacto ambiental que a actual cultura de consumo de "usar e tirar" xera nos areais. Desde ADEGA, entidade organizadora desta iniciativa, volven a salientar con esta actividade que a educación ambiental é unha ferramenta moi útil para desenvolver accións de concienciación no medio natural.
Relacionadas:
-
Verán de obras no IES As Bizocas e no CEIP de Vilaxoán
Por Redacción |
-
Retiran máis de 400 quilos de lixo mariño en diferentes praias da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Mergulladores realizan unha limpeza exhaustiva do fondo mariño de Combarro
Por Redacción |
-
O Porto de Marín retirou máis de 20 toneladas de lixo mariño no que vai de ano
Por Redacción |
-
Cinco barcos de Marín proban un aparello para a recollida de residuos
Por Redacción |