Unha persoa falece e tres resultan feridas nun accidente que se rexistraba a medianoite na Illa de Arousa
Por Redacción
Unha persoa perdía a vida durante pasada a medianoite deste mércores 14 no accidente que se rexistraba na rotonda de entrada á Illa de Arousa, na estrada PO-307. As outras tres persoas que viaxaban no turismo resultaron feridas de distinta consideración.
Un particular alertaba ao Servizo de Emerxencias do 112 Galicia da saída de vía dun vehículo por causas que se están investigando. No lugar falecía un home, J.C.D.M,. de 54 anos sen que os servizos médicos puidesen facer nada por salvar a súa vida. O copiloto A.D.J. de 18 anos resultou ferido e foi evacuado na ambulancia medicalizada ao Hospital do Salnés.
Os pasaxeiros D.V. P. e R.V. P., de 40 anos, e veciños de Vilanova de Arousa foron evacuados pola Ambulancia do 061 de Cambados, o primeiro ao Hospital do Salnés mentres que o segundo era atendido no PAC de Cambados, segundo a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Segundo información do servizo de Emerxencias, tanto o condutor falecido como o copiloto vivían desde hai pouco tempo na Illa de Arousa e son naturais de Pontevedra.
Ata o lugar trasladábase unha ambulancia do 061 de Cambados, unha ambulancia medicalizada do 061, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e Atestados, o servizo de emerxencias do Concello de Cambados e o servizo de mantemento de estradas.