A xustiza avala a legalidade do novo contrato da agua de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) apoiou toda a tramitación administrativa relativa á licitación en 2018 do novo contrato da auga de Pontevedra e cuxa resolución foi recorrida por unha das empresas interesadas nesta adxudicación.
Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG rexeitaron o recurso presentado pola compañía Gestagua Proxectos, que quedou en segunda posición neste concurso por detrás de Viaqua, que logrou renovar este suculento contrato.
Gestagua, a partir duns ditames periciais confeccionados por unha consultora, denunciaba que a oferta presentada por Viaqua era "inviable e incoherente" e que, por tanto, fora sobrevalorada pola mesa municipal de contratación.
Ademais, aseguraba que dita oferta incumpría os pregos de contratación, polo que debería ser excluída do proceso.
O alto tribunal galego conclúe, con todo, que os informes técnicos acreditaron "suficientemente" que a oferta da actual adxudicataria era "a máis vantaxosa" para o Concello de Pontevedra e que "podería ser cumprida" en materia de viabilidade.
Esta sentenza, segundo a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, "avala a posición do Concello" e acredita que o proceso de contratación levou a cabo "respectando os principios de igualdade de trato e de non discriminación" dos licitadores.
A este respecto, Gulías lembrou que desde a oposición municipal da época, especialmente o Partido Popular, trataron de "sementar dúbidas" sobre un contrato que foi tramitado "con luz e taquígrafos". Fixérono, engadiu, "para cizañar" e só con intencións "electoralistas".
Relacionadas:
-
Pontevedra ten en execución obras de saneamento e abastecemento por 41 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
O Tribunal Administrativo dá o visto bo á adxudicación a Viaqua da concesión da auga en Pontevedra
Por Redacción |
-
O contrato da auga, paralizado polo recurso presentado por unha empresa
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra adxudicará a Viaqua o contrato da auga para os próximos 20 anos
Por Oskar Viéitez |