A Garda Civil detén o presunto responsable de dúas plantacións de marihuana en Caldas e Barro
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil localizou dúas plantacións de marihuana nos municipios de Caldas de Reis e Barro e incautaron máis de medio centenar plantas. O presunto responsable foi detido por un delito contra a saúde pública.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, como suposto responsable das plantacións foi identificado un veciño de Barro, de 61 anos, que foi detido como presunto autor dun delito contra a saúde pública, por cultivo e elaboración de drogas.
As investigacións se iniciaron o pasado mes de setembro polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en colaboración da Patrulla do Seprona e o Posto de Caldas de Reis, descubríronse as plantacións de cannabis sátiva nos termos municipais de Caldas e Barro.
En ambos os casos, as plantacións atopábanse situadas en propiedades particulares de terceiras persoas que non usaban desde había tempo, ocultas entre cultivos de millo e co mesmo sistema de cultivo. Apenas estaban separadas dous quilómetros entre si, e ademais utilizaban os mesmos materiais para o seu mantemento, como eran as bridas e as guías de suxeición das plantas.
Na plantación que se localizou en Caldas de Reis interviñéronse 35 plantas e 36 máis na do municipio de Barro.
As dilixencias instruídas, xunto coas plantas e efectos intervidos, foron entregadas no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis. O detido quedou en liberdade en sede policial, coa obrigación de comparecer diante da autoridade xudicial cando sexa requirido.