O BNG reclama un mellor servizo de electricidade e internet para Cerdedo
Por Redacción
O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego no concello de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, reclama melloras urxentes das liñas de electricidade e internet nas parroquias de Cerdedo, tras recoller as queixas dos veciños.
Estas demandas pola mala prestación dos servizos de electricidade e internet serán trasladadas polo BNG ao vindeiro pleno municipal. "Dende o BNG pretendemos que o pleno reclame ás compañías subministradoras dos servizos de electricidade e internet a modernización dos tendidos a fin de rematar cos problemas que sofre habitualmente a veciñanza dos lugares de Cerdedo", reclama Filgueira.
O portavoz nacionalista manifesta que se trata dun problema habitual e sostido no tempo, como tamén denuncia a veciñanza, con caídas no subministro eléctrico durante horas e con subidas e baixadas de potencia que leva, en ocasións, ao deterioro dos electrodomésticos, á perda de alimentos e á incomodidade de verse sen luz nos fogares.
Así mesmo, Filgueira lembra que se están a producir cortes de subministro do internet nos días de chuvias, ventos e tormentas, que na maior parte dos casos implica unha gran demora por parte da subministradora para restablecer o servizo. Este problema é especialmente grave para as persoas que están a teletraballar, así como para os autónomos e pequenos comerciantes.
Relacionadas:
-
O BNG de Cerdedo-Cotobade reclama máis seguridade na Ruta da Freixa
Por Redacción |
-
Crean 'Cerco', un proxecto cultural e social para Cerdedo-Cotobade promovido polo BNG
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O BNG de Cerdedo-Cotobade pide reforzar os servizos sociais e fomentar o comercio local
Por Redacción |