Tecnoloxía galega e aragonesa para a APP do transporte a demanda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A UTE Demesix-Sicom-Zitycard, formada por dúas compañías tecnolóxicas de Vigo e unha terceira de Zaragoza, será a responsable de crear a aplicación informática que xestionará o futuro transporte a demanda de Pontevedra.
A súa oferta impúxose á outra licitadora, a empresa madrileña Innopulse Asesores Tecnológicos. Cobrará por este traballo 266.587,20 euros, trinta mil menos que o que figuraba no prego de licitación.
Esta APP, que está financiada cos fondos europeos EDUSI, deberá estar entregada nun prazo máximo de 21 meses, segundo consta no contrato.
Esta aplicación informática ten que determinar como vai funcionar o mecanismo de transporte a demanda e a maneira na que os usuarios poderán solicitar as súas viaxes.
Ademais deste contrato para crear a APP de xestión, a posta en marcha do transporte a demanda de Pontevedra inclúe unha segunda licitación para as propostas de explotación, que foi adxudicada á UTE formada por MCRIT SL e Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega, que cobrarán 76.683,75 euros por facer o estudo previo e a proposta de explotación deste servizo.
O proxecto, que ten que estar entregado en once meses, terá que analizar como se comporta a mobilidade -sobre todo nas parroquias- para poder buscar solucións adecuadas, tanto no que ten que ver coa fórmula técnica como coas fórmulas legais.
Relacionadas:
-
A plataforma de transporte compartido a demanda funcionará a finais de 2022 para dar servizo ao rural
Por Redacción |
-
Unha ferramenta electrónica permitirá xestionar impostos municipais a distancia
Por Alejandro Espiño |
-
O estudo para o transporte a demanda en Pontevedra estará feito a finais de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Dúas empresas compiten por deseñar a APP do transporte a demanda de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cinco empresas optan a realizar o estudo e proposta de explotación do transporte a demanda de Pontevedra
Por Redacción |