Semana de alternancia de nubes e claros nas Rías Baixas
Por Redacción
Durante este martes 13, Galicia permanecerá nunha situación intermedia entre as altas presións situadas ao nordeste de Azores e un centro de baixas presións sobre o norte de Francia. Os ceos manteranse con alternancia de nubes e claros en toda a zona sur da comunidade mentres que no norte rexistraranse precipitacións intermitentes.
As temperaturas mínimas ascenderán entre lixeira e moderadamente e as máximas non experimentarán cambios significativos situándose entre os 11 e os 21 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Durante o mércores os ventos seguirán soprando de compoñente norte, con máis intensidade no litoral costeiro. Os ceos manteranse con alternancias de nubes e claros nas Rías Baixas con temperaturas que baixarán lixeiramente para establecerse entre os 8 e os 18 graos.
As altas presións serán máis predominantes durante a xornada do xoves, pero os ventos do norte seguirán proporcionando humidade. En toda a zona sur de Galicia espéranse claros mentres que no norte producirase algunha choiva débil ao principio do día. As temperaturas apenas variarán situándose entre os 8 e os 19 graos con ventos que soprarán frouxos de compoñente norte.
O venres será un día de transición ante a chegada dunha fronte que incrementará a probabilidade de choiva a medida que se aproxime a fin de semana. Os ventos cambiarán a compoñente suroeste a partir do sábado con altas posibilidades de precipitacións. A partir do domingo as baixas presións situaranse entre a península Ibérica e Azores, con ventos do sur. As temperaturas continuarán entre os 8 e os 18 graos.