Campaña especial de control de camións, furgonetas e autobuses a partir deste luns 12 de outubro
Por Redacción
Desde este luns 12 de outubro ata o domingo 18, a Dirección Xeral de Tráfico terá aos seus axentes na estrada pendentes de maneira especial dos camións, furgonetas e de autobuses. Segundo informan desde a DXT controlarán os vehículos de transporte de mercadorías en cuestións como a velocidade, consumo de alcol e drogas por parte do condutor, uso do cinto de seguridade e horas de condución e descanso.
Tamén está previsto que se revise o exceso de peso, defectos técnicos do vehículo, ademais da seguridade con que se transporta a carga, ademais da documentación tanto da persoa que conduce como do vehículo. Tamén se observará o uso do teléfono móbil e da máscara no caso de que circulen varias persoas.
A esta campaña súmanse tamén axentes da Policía Local como sucede no caso de Poio. O motivo da campaña, segundo indica a Delegación do Goberno, é que este tipo de transporte representa o segundo tipo de vehículos máis numerosos que circulan polas estradas españolas.
As estatísticas mostran que están implicados nun 17% dos accidentes con vítimas durante o ano 2018 no caso de transporte de mercadorías mentres que no dos autobuses adoitan estar inmersos no 2% dos accidentes con vítimas.
O risco no manexo de camións é maior que en turismos, segundo a DXT, pola carga que transportan e a presenza de menor equipamento de seguridade activa e pasiva.