O xurado de Vilas en Flor Galicia examina os espazos verdes de Caldas para outorgar os seus distintivos
Por Redacción
O xurado profesional do programa 'Vilas en Flor Galicia' visitaba durante os últimos días Caldas de Reis para avaliar as accións realizadas polo Concello para potenciar os espazos verdes do municio e a concienciación da cidadanía para coidar a contorna.
Os integrantes do xurado da Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería mantiveron un encontro co alcalde Juan Manuel Rey para despois visitar diferentes puntos do municipio. Actualmente, o Concello conta cun distintivo de tres flores. O goberno local espera renovar nesta nova edición ese distintivo. Este ano participan 25 municipios.
O alcalde ofreceu información sobre o novo Plan director do Arborado do Xardín Botánico e da Carballeira, ademais do encargo da redacción do Plan de Restauración integral deste xardín considerado histórico ao ser deseñado en 1884 e declarado Ben de Interese Cultural.
Tamén se informou ao xurado do máis de medio millón de euros investido na creación da primeira Vía Verde integramente galega que percorre o municipio e une Caldas con Portas e Vilagarcía pola antiga vía ferroviaria ao longo de 10 quilómetros. Este proxecto atópase cofinanciado pola Deputación, Xunta de Galicia e os tres concellos.
Presentábanse ademais, entre outras iniciativas, os proxectos de conservación e posta en valor da vexetación fluvial nos ríos Umia e Bermaña e a elaboración de proxectos para mellorar as árbores da praza Martín de Herrera, a vexetación da rúa Río Bermaña e da fachada do Concello, ademais da contorna da capela de San Roque, a zona verde de Tafona ou os arredores da fervenza de Segade.