Os alfombristas de Marín participarán no máis grande proxecto mundial de alfombrismo con motivo do Xacobeo 21
Por Redacción
No ano 2021 con motivo da celebración do Xacobeo está previsto que se realicen dous grandes proxectos por parte da comisión xestora de entidades alfombristas do Camiño de Santiago.
Os alfombristas de Marín participarán nestes proxectos ao sumarse a máis de 230 cidades de 27 países dos cinco continentes que desenvolverán proxectos organizados pola comisión xestora que ten sede en Ponteareas e que ten como obxectivo difundir e promocionar o Camiño de Santiago e o patrimonio material e inmaterial que rodea este fenómeno cultural.
No Ano Xacobe está previsto que se desenvolva o proxecto 'Alfombras para o Camiño' coa realización desde xaneiro ata xuño de diversas alfombras en cada un dos camiños que conflúen en Santiago de Compostela.
O segundo proxecto leva por título 'Alfombra Mundial' e a idea é que se elabore unha alfombra nun lugar emblemático de cada unha das localidades que forman parte da comisión xestora, na que se atopa Marín. Esta cita será entre os días 24 e 25 de xullo de 2021. Cada colectivo alfombrista realizará o deseño común sobre o Camiño de Santiago seguindo a súa propia técnica creando un tapiz efémero do tamaño que desexen.
En cada unha destas alfombras deberá figurar o nome da localidade que a realiza e, tras unha frecha amarela, a distancia en quilómetros que lles separa de Santiago. Trátase do maior proxecto Mundial de alfombrismo que se realice ata a data.