O alcalde de Pontevedra explica a creación dun ecosistema urbano seguro no Portugal Mobi Summit
Por Redacción
O Portugal Mobi Summit acollía este venres no Centro Cultural de Cascais a intervención do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores dentro dun panel de debate sobre planificación dun ecosistema urbano seguro para peóns, ciclistas e novas formas de micro mobilidade.
O modelo urbano de Pontevedra era presentado neste encontro internacional como exemplo dunha experiencia práctica de mobilidade sostible e amable. Desta forma tratouse o acougado de tráfico e a limitación da velocidade a 30 km/ h en toda a cidade e a limitación a 10 km/ h nas zonas de convivencia, un dos puntos que segundo o goberno local chamou máis a atención durante a intervención do alcalde.
Fernández Lores explicaba a necesidade de estudar o funcionamento do tráfico para reducir a circulación innecesaria de vehículos e manter a actividade da cidade, dando servizo a residentes e ao comercio. Lembrou que a xente quere vivir, convivir e traballar en cidades agradables e atractivas e citou á cidade do Lérez como exemplo de urbe con aumento de poboación nos últimos anos.
O máximo mandatario do municipio sinalaba que a velocidade permitida no conxunto da cidade non debe crear inseguridade viaria e lembrou que Pontevedra leva máis dunha década sen mortes por atropelo no centro urbano.
Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado neste encontro polo concelleiro de Movilidad de Lisboa Miguel Gaspar; polo profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa David Vale, que participou telematicamente; e polo xerente de desenvolvemento comercial do CEiiA, Rui Rei.