Caldas de Reis, Cuntis e Moraña repártense 390.000 euros do canon anual polo encoro del Umia
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves o acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Xunta, Augas de Galicia, Deputación de Pontevedra e os Concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña para o financiamento de obras e actuacións pola concesión da presa de Caldas de Reis.
Segundo expricou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello, este convenio establece as bases que rexerán a cooperación técnica e económica entre as citadas administracións respecto das cantidades do canon devindicado pola explotación do aproveitamento hidroeléctrico do encoro, que se destina a estes concellos para o financiamento de obras ou accións de carácter educativo, cultural e social.
O convenio é anual e xorde como compensación económica aos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña pola construción do encoro do Umia nos seus termos municipais.
Augas de Galicia destinará preto de 390.000 euros para o financiamento das actuacións citadas, que se leven a cabo durante este ano 2013. A repartición desta cantidade executarase a partes iguais entre os citados municipios, resultando a cada concello un total de 129.696,48 euros.
Cómpre lembrar que o 13 de novembro de 2002 se asinou un primeiro convenio co fin de establecer as bases que rexerían a colaboración entre as ditas administracións no que atinxe ao destino do canon devindicado pola devandita explotación.
Dende entón Augas de Galicia subvenciona anualmente actividades de carácter educativo, cultural ou social nestes tres concellos e é a Deputación de Pontevedra a encargada da xestión destes fondos.