O mercado das flores reducirá o número de postos na Ferrería por protocolo sanitario
Por Redacción
O tradicional mercado de flores de Todos os Santos, que se celebra na praza da Ferrería, reducirá este ano o número de postos de 42 a 33 para adaptarse aos protocolos de seguridade.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asinaba este venres a instrución pola que se determinan as condicións para a adxudicación do mercado de venda de flores para os defuntos e que se desenvolverá durante a fin de semana de Todos os Santos, os días 31 de outubro e 1 de novembro.
Esta decisión prodúcese despois de que técnicos municipais estivesen na tarde do xoves realizando medicións na praza da Ferrería coa finalidade de determinar as distancias, o número e o tamaño dos postos que se poderán instalar na actual situación sanitaria, de acordo co ‘Protocolo e guía de boas prácticas dirixida á actividade de venda non sedentaria’ do Ministerio de Sanidade e da Secretaría de Estado de Comercio.
Os requisitos que se establecen para o vindeiro mercado das flores son: un distanciamento de 2 metros cadrados entre postos; o establecemento dunha zona de acceso, un percorrido e unha saída; a instalación de dispensadores de xel hidroalcólico na entrada ao recinto; e a sinalización clara, con marcas no chan, da distancia de seguridade interpersoal de dous metros entre clientes por parte dos titulares dos postos.
Segundo explica a concelleira socialista, "debido a estas necesidades de distanciamento, este ano o número de postos dispoñibles redúcese a 33 postos: 17 postos de catro metros cadrados, 8 de seis metros cadrados, 5 de oito metros cadrados e 3 de dez metros cadrados". Ademais, engade que cada solicitante só poderá pedir un posto.
A Concellería de Promoción Económica abrirá entre os días 15 e 26 de outubro o prazo para a presentación de solicitudes para a venda de flores, cuxa inscrición pasa obrigatoriamente polo aboamento da correspondente taxa por ocupación de vía pública. Os postos adxudicaranse por orde de solicitude, ata esgotar o número de postos dispoñibles.
As solicitudes presentaranse nas oficinas do Servizo de Promoción Económica da Casa da Luz (2º andar), en horario de 10:00 a 12:00 horas, sendo imprescindible presentar no Rexistro do Concello, ademais da solicitude cuberta, a liquidación da taxa polo número de metros que se van ocupar.
Relacionadas:
-
"Desastroso" mercado de flores na Ferrería: tres vendedores fallan e o resto quéixanse das baixas vendas
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
43 postos de venda de flores ocuparán A Ferrería durante o 31 de outubro e o 1 de novembro
Por Redacción |
-
O Mercado da Ferrería acolle menos flores que outros anos
Por Mónica Patxot |
-
42 postos de flores animarán o mercado de Todos os Santos na Ferrería
Por Redacción |