Localizan en Vigo un vehículo que protagonizou unha perigosa fuxida por rúas de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para localizar aos ocupantes dun vehículo que na tarde deste xoves protagonizaron unha espectacular fuxida da Policía Nacional por varias rúas de Pontevedra, entre a zona da estación e Benito Corbal.
Os feitos ocorreron a partir das cinco da tarde do xoves e tiveron como orixe un incidente no que as persoas fuxidas tentaron utilizar billetes falsos na estación de autobuses. Tras ser sorprendidos, emprenderon a fuga e seguen en paradoiro descoñecido, aínda que o vehículo do incidente si foi localizado.
Segundo confirmaron fontes policiais, unha patrulla localizou o vehículo en Vigo sobre as nove da noite do mesmo xoves. Estaba baleiro e non hai rastro dos seus ocupantes, supostamente unha parella.
Horas antes, a Policía Nacional tivo constancia do intento de uso de billetes falsos, de modo que se dirixiu á estación de autobuses e, á súa chegada, os ocupantes déronse á fuga, primeiro pola rúa Eduardo Pondal e logo por Benito Corbal, cunha condución perigosa que puxo en risco a condutores e peóns.
Segundo o relato de testemuñas presenciais, cando estaban por esta rúa o condutor podería incorrer nun delito contra a seguridade do tráfico, pois subiu á beirarrúa e percorreu un longo tramo da rúa por esta zona reservada para os peóns.
En Benito Corbal, os axentes perdéronlle a pista, pero a hipótese é que se desviaron cara á rúa San Antoniño. En todo caso, os datos do vehículo si chegaron a todas as unidades policiais de Pontevedra e do resto da provincia e finalmente o coche foi localizado en Vigo.