Xeles caducados, máscaras sen protección e "barbaridades" na xestión do persoal levan a pedir o cesamento do xerente de Pontevedra

Por Natalia Puga
Os sindicatos CIG, CSIF, CCOO, UXT, TSP e SATSE, todos eles con representación na Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pediron este xoves o "cesamento inmediato" do xerente, José Ramón Gómez, pola súa xestión da crise sanitaria da covid-19.
Representantes destes seis sindicatos realizaron, desta forma, a mesma petición que o mércores xa fixeron outras tres asociacións representadas no mesmo órgano de representación, o sindicato médico CESM, Prosagap e Co.Bas (escisión de Comisións Obreiras), de maneira que a petición é xa practicamente unánime por parte dos representantes da traballadores da área sanitaria.
No caso de CIG, CSIF, CCOO, UXT, TSP e SATSE, acusan a Gómez e o seu equipo de "non dicir a verdade", "incompetencia manifesta" e "xestión nula" da pandemia e dan varios exemplos como o uso de hidrogeles caducados ou máscaras que non reunían as condicións de protección adecuadas, literalmente, que "non servían para nada".
Ademais, apuntan a unha serie de "barbaridades" e a unha actitude que cren que podería chegar a cualificarse de "criminal" na xestión de persoal en xeral e, en particular, no recente brote de coronavirus detectado no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, como obrigar a dúas traballadoras a seguir na súa quenda durante dúas horas á espera de saber o resultado da súa proba PCR.
Estes sindicatos cren que o equipo xerente mostrou unha "nulidade en canto a relacións laborais" que provocou que o traballo en Urxencias sexa "caótico" e que se atopen coa situación de que moitos profesionais da Enfermería que están en listas de contratación rexeiten traballar en Pontevedra.
"Non queren traballar en Pontevedra", aseguraron os representantes dos traballadores, e cren que se debe ao "trato" recibido e ás condicións destes contratos, pois moitas veces ofrécenlles contratos de dous días que non reúnen ningún tipo de condición nin garantías de conciliación.
En relación co perigo de contaxio, os profesionais sanitarios indican que hai días que non reciben datos oficiais de traballadores contaxiados, pero que, ata que si lles facilitaron as estatísticas, presentaban unhas porcentaxes similares aos doutras áreas sanitarias. En xeral, o comportamento do virus é o mesmo en toda Galicia e o colectivo máis afectado é o de enfermería, co 24% dos positivos, seguido dos técnicos co 22% ou os médicos co 20%.
O OCORRIDO NO BROTE DE URXENCIAS
Estes sindicatos referíronse de forma específica ao ocorrido no brote de Urxencias e indicaron que descoñecen a cifra exacta dos afectados polo brote porque se lles ocultou "a verdade", pero si que hai afectados polo menos oito profesionais, seis con contaxio confirmado e outros dous en estudo.
Aseguran, ademais, que non se substituíu a ningún profesional contaxiado, no caso dos médicos porque non hai máis dispoñibles en listas e no de Enfermería por esa circunstancia xa detallada de que rexeitan traballar en Pontevedra. En canto aos médicos, explican que se argumenta que non hai dispoñibles, pero os sindicatos consideran que si os hai, pero que están a realizar funcións administrativas.
Os sindicatos tamén quixeron denunciar que neste brote non só se tivo a dúas persoas traballando á espera da PCR, senón que, ademais, Medicina Preventiva non quixo facerlles esa proba a pesar de que traballaran coa primeira persoa que deu positivo por non consideralas contactos estreitos e que foron elas as que, pola súa conta, fixeron a proba. Deron positivo e antes estiveran traballando.
Pode lerse aquí todo o relato realizado polo doutor Miguel Suárez Briones sobre o ocorrido. Estes seis sindicatos insisten, a maiores, en que a Xerencia non dixo a verdade cando asegurou que o día 2 de outubro empezara a facerse un cribado do servizo para detectar positivos, senón que se empezou o día 5 e despois de que un médico de Urxencias pedírao ao xerente do Servizo Galego de Saúde, José Manuel Flores.
Relacionadas:
-
Sindicatos denuncian o día a día do persoal sanitario: percorrer o hospital coa mesma máscara cirúrxica de 8 a 15
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Convocan unha concentración diante do Hospital Provincial para pedir a dimisión da directiva da área sanitaria
Por Redacción |
-
Inspección de Traballo investigará a situación das Urxencias de Montecelo tras a repunta de covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Un xulgado resolve o conflito entre sindicatos e apoia a modificación do regulamento da Xunta de Persoal da área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
Piden a destitución da xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés por "incompetencia manifesta"
Por Anxo Lourido |