Caldas contrata a unha mestra e un arquitecto baixo o programa de emprego da Deputación
Por Redacción
O Concello de Caldas de contrata a través da Deputación de Pontevedra a dúas persoas en prácticas ao amparo do programa “O teu primeiro emprego” de fomento da empregabilidade na provincia. En concreto, e grazas a esta axuda, o Concello conta cunha mestra especializada en educación infantil e cun arquitecto.
A mestra foi incorporada ao Centro de Información á Muller (CIM) e levará a cabo o proxecto de intervención educativa e integración social dirixido ás familias que forman parte do programa de educación familiar de Servizos Sociais básicos do Concello e, ademais, encargarase de realizar tarefas de apoio no Fogar do Maior, principalmente nos talleres de memoria.
Pola súa banda, o novo arquitecto sumouse ao departamento de Urbanismo do Concello para realizar traballos técnicos como a redacción de memorias, proxectos e demais documentación necesaria para a tramitación de actuacións municipais. Actualmente atópase traballando na redacción de documentación técnica para a execución dunha praza pública en Cope, en laremodelación e posta en valor da conxunto fonte e lavadoiro de Bemil e na proposta de ampliación do comedor escolar do colexio Alfonso VII.
Estas dúas persoas desenvolven o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) e as retribucións son as estipuladas nas bases da convocatoria.
O alcalde, Juan Manuel Rey, afirmou que “as administracións públicas temos o deber de darlles as maiores facilidades á mocidade para acceder a un posto de traballo e este programa é moi importante para complementar con experiencia a formación académica das persoas incorporadas e para que así poidan conseguir maiores posibilidades de inserción laboral, á vez que supón un magnífico reforzo para o Concello”.
Relacionadas:
-
Clase práctica sobre compostaxe para dez alumnas na busca de emprego
Por Redacción |
-
A compostaxe revélase coma un importante nicho de emprego con moitas saídas
Por Redacción |
-
O programa de emprego para os municipios da comarca do Umia logra unha inserción laboral do 36% dos participantes
Por Redacción |