Un xulgado resolve o conflito entre sindicatos e apoia a modificación do regulamento da Xunta de Persoal da área sanitaria
Por Natalia Puga
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza que dá carpetazo ao conflito interno que os sindicatos representados na Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés manteñen desde fai case tres anos por mor da modificación do regulamento orgánico deste órgano por parte dunha parte dos seus membros que a outra parte considerou inapropiado e levou aos tribunais.
Os sindicatos CIG, CSIF, CCOO, UXT, TSP e SATSE deron a coñecer este xoves esta sentenza, que xa é firme unha vez que ninguén presentou recurso contra ela. O fallo xudicial dá a razón a estes sindicatos no apoio ao cambio de regulamento e bota por terra a tese da desaparecida Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal), que agora está integrada en Prosagap.
Prosagal interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do 30 de novembro de 2017 e pedía ao xulgado que deixase sen efecto a modificación do regulamento que aprobaran por maioría o resto de sindicatos. Nesa normativa que recorría establecíase a forma de funcionar da Xunta de Persoal a partir dese momento e, entre outras cuestións, que a presidencia e a secretaría foron rotatorias entre os 27 membros deste órgano e o cese do seu ata entón presidenta, de Prosagap, Carolina Iñarrea.
A sentenza desestima ese recurso e, por tanto, dá a razón ao resto de sindicatos. Conclúe que esa modificación do regulamento "adoptouse co mínimo de votos necesario" e que o criterio adoptado pola Xunta de Persoal de redondear a fracción decimal cara ao número enteiro máis próximo á hora das votacións "é razoable e xusto".
A sentenza ditouse o 25 de agosto, pero estes sindicatos non quixeran facela pública ata o de agora porque aínda non era firma. Agora xa o é unha vez que concluíu o prazo de presentación de recurso sen que a outra parte actuase. Unha vez que o fallo é definitivo, representantes destes sindicatos saíron en rolda de prensa para valorala.
Cándido Sartier, de TSP, que en 2017 pasou a integrar a primeira directiva da Xunta de Persoal co novo regulamento, valorou que poida que para a opinión pública ou os medios de comunicación esta sentenza careza de importancia, pero para eles ten moita relevancia porque supón poñer fin a case tres anos de conflito e que lles dean a razón nunha forma de actuar que moitos lle botaron en cara por aquel entón.
A sentenza conclúe, segundo as súas palabras, que "a Xunta de Persoal obrou con toda a legalidade do mundo" e, por tanto, demostra que o "rosario de críticas" que lle chegaron era infundado. Agora que teñen un fallo firme, pide a Prosagap, herdeira de Prosagal como demandante, asuma o seu resultado e pida perdón polo dano causado.
Sartier tamén quixo aclarar que Prosagal chegou a anunciar a presentación dunha demanda contra el e contra Carmela Bas, de CSIF, pola vía penal por usurpación de cargo público e que podería supoñer penas de cárcere, pero que nunca chegou a presentarse tal procedemento.
Carmela Bas, pola súa banda, quixo trasladar a Prosagap que "echo de menos que no haya dado publicidad" a esta sentenza como fixo coa demanda.
Desde hai unha semana na Xunta de Persoal da área sanitaria non hai presidente nin secretario, pois os representantes de Prosagap, que tiñan a presidencia neste período, dimitiron. En principio, en cuestión de días haberá unha reunión extraordinaria na que terán substitutos.
Relacionadas:
-
Xeles caducados, máscaras sen protección e "barbaridades" na xestión do persoal levan a pedir o cesamento do xerente de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Prosagal denunciará a toma de posesión de Sartier como presidente da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Piden a Carolina Iñarrea unha indemnización de 9.000 euros por socavar a honra sindical: "Ni que fuera la Pantoja"
Por Anxo Lourido |
-
Carolina Iñarrea cesa como presidenta da xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra: "Es un golpe de estado sindical"
Por Anxo Lourido |